martes, 13 de diciembre de 2011

Máis curiosidades sobre calendarios

     Neste modelo de calendario que vos amosamos pódense ver a cara A e a cara B do despregable, onde figuran tódolos meses do ano. Os cortes e os enganches foron feitos enteiramente a man un por un.


     Con respecto ó nome dos meses do ano, todos sabemos que proceden da época romana. Algúns deles foron designados tomando o nome dos deuses ós que se dedicaban, e outros foron nomeados simplemente por orde correlativa; así aconteceu con setembro, outubro, novembro e decembro, que eran, respectivamente, os meses 7º, 8º, 9º e 10º, como a propia raíz do seu nome indica. ¿Pero por que decembro era o décimo mes, se na actualidade é o número doce? Porque na época dos romanos o primeiro mes do ano era marzo (Martivs), nome tomado de Marte (Mars en latín), deus da guerra (¡como non, co guerreiros que eran estes romanos, lóxico que fose o primeiro mes do ano!). Abril estaba dedicado á deusa Apru (deusa etrusca da fertilidade que equivalía a  Afrodita para os gregos). Maio era en honor a Maia, deusa da primavera e Xuño por Juno, esposa de Júpiter. Xaneiro recibiu este nome polo deus Jano, que representa o espírito das portas, dos principios e finais, dos comezos e extincións, polo que na actualidade parece un nome moi axeitado para designar o primeiro mes do ano, aínda que en realidade foi un nome dado con posterioridade ós que xa empregaban de antigo os romanos. Febreiro vén de Frebua, palabra coa que se designaba o Festival de Purificación que celebraban os romanos o 15 de febreiro (XV kalendas martias -lembrade o que dixemos da forma de contar os días-), e que era basicamente unha lavatoria para comenzar o ano vindeiro e recibir a primavera. 
      ¿E xullo e agosto? Estes meses tiñan por nome orixinal o seu número correlativo: "quinto" (Quinctilis), para xullo, e "sexto" (Sextilis) para agosto. Pero na época de Xulio César, o nome de "quinto" cambiouse polo seu propio, de aí o actual Xullo, mes escollido porque era longo e en pleno verán e unha boa representación da súa propia divindade (recordemos que Xulio César foi o primeiro gobernador nomeado deus trala súa morte, e como deus que era, ben merecía un mes propio). Por iso cando faleceu César Augusto, que tamén foi divinizado no 14 d.C., decidiuse cambiar o nome de "sexto" polo seu, e así naceu Agosto, mes que era igual de longo có do seu predecesor.
      Como diría Obélix: ¡Están tolos estes romanos!

      Por último, achegámosvos outro modelo de calendario, esta vez de poñer enriba da mesa, xa que se abre coma un trípode: 


Esperamos que vos gusten.


 

Curiosidades sobre calendarios

    Aínda que moitos de vós xa o saberedes, non está de máis facer de cando en vez unha revisión histórica. A palabra "calendario" procede do latín Kalendas (ou calendas), que era o nome que se lle daba ó primeiro día de cada mes. Polo tanto, "calendario" sería como dicir o rexistro dos días primeiros dos meses do ano.
   De feito os romanos tiñan unha forma moi curiosa de contar os días, porque tiñan un nome específico para determinados días do mes, e tódolos demaís contábanse tendo en conta os días que faltaban para que chegase esoutro. Si, é algo lioso, pero cun exemplo entenderédelo axiña: se kalendas é o día 1 dun mes (poñamos por caso maio) e estamos a 29 de abril, dicíase que "faltaban 3 días para calendas de maio". Ademais, hai que ter en conta que na forma de contar dos romanos o día de partida tamén se computaba (ó contrario do que facemos na actualidade), por iso dirían que faltaban "3 días": o 29, o 30, e o 1. 
    A outra palabra que designaba un día en particular no calendario romano esa Idus. Os idus coincidían máis ou menos con mediados de mes, e digo máis ou menos porque en realidade identifica os días 13 dos meses curtos (febreiro, abril, xuño, setembro e novembro) e os días 15 dos meses longos (xaneiro, marzo, maio, xullo, agosto, outubro e decembro). O sistema de cómputo era o mesmo: unha vez pasadas as kalendas do mes que fose, comenzábanse a contar os días que faltaban para os idus dese mes; e pasados os idus, contábanse de novo os que faltaban para as kalendas do mes seguinte.  En definitiva, que non tiñan numerados os días un por un, senón por referencia a estes dous con nome propio.
    A expresión "Idus de marzo" fíxose célebre porque esa foi a data na que Xulio César foi asasinado no ano 44 a. C. (é dicir, o 15 de marzo), e logo esta data servíu de inspiración a moitas novelas históricas ("Os idus de marzo" de Thornton Wilder) ou a películas de ficción (filme do 2011 do mesmo título protagonizado e dirixido por George Clooney).

    E posto que estas datas son xa moi próximas a estrea do novo ano, en Caramiña propoñémosvos distintos modelos de calendarios, que poderían ser un bo detalle para agasallar.


     Novamento indicamos que estes modelos se poden personalizar totalmente, incluíndo o nome do destinatario, escollendo outra portada, outras cores, etc.

lunes, 12 de diciembre de 2011

E se cambiamos as típicas tarxetas de Nadal...

     En Caramiña queremos propoñer unha alternativa ás tradicionais tarxetas de felicitación, por iso ofrecemos distintos modelos de tarxetas feitas enteiramente a man e cun deseño diferente en cada unha delas. Empregamos  para decoralas cintas de organza e raso, flores prensadas e follas secas, combinándoas con diferentes cores de papel e cartolina. Nesta ocasión ofrecémosvos unha mostra de tarxetas cadradas, feitas con papel mi-teints dun 50% de algodón, especialmente indicado para escribir con pluma xa que é moi absorbente.


     Estes modelos son un simple exemplo pois as posibilidades de combinación son case infinitas. E poden servir tanto para felicitar estas datas como para festexar calquera outra ocasión especial (vodas, bautizos, comunións, aniversarios...).
      Esperamos que vos gusten.