lunes, 16 de enero de 2012

Hoxe falamos de Matrioskas


Como moitos de vós saberedes, as matrioskas son unhas bonecas tradicionais rusas cuxa principal característica é que están elaboradas dunha soa peza de madeira e talladas para que se abran polo medio e se poidan meter unhas dentro das outras por escala de tamaños. É dicir, que son ocas por dentro, salvo a última delas, que é de madeira maciza. O seu nome 'Matrioska' traduciríase por algo semellante a ‘matrona’ no seu sentido máis estrito, pero na cultura rusa alude a un colectivo máis amplo: as nais, as mulleres, as irmás, as mulleres do pobo. O que non sei se saberedes é que en realidade, e a pesar do célebres que se fixeron as matrioskas como símbolo de Rusia, a idea orixinal veu do Xapón, se ben en Rusia se lle deu esta expansión popular que permitiu a súa difusión mundial e hoxe son requiridas como recordo por todo turista que se prece que teña pasado por Rusia. E outra cousa curiosa é que teñen apenas un século de vida, ou sexa, que non son tan antigas como puidese parecer.


Axenda personalizada decorada co motivo dunha Matrioska


A primeira matrioska da que se teñen novas fabricouse en 1890 e naceu como un xoguete para nenos. A súa autoría atribúese a Sergei Maluitin, pintor dun obradoiro de xoguetes de madeira situado en Sergiyev Posad (cidade que hoxe se denomina Zagorsk), quen ó parecer inspirouse nun xogo de bonecas moi similar que representaba os sete deuses da fortuna, traído do Xapón por Savva Mamontov, mecenas e viaxante da época. Sergei fabricou un modelo parecido pero ó estilo ruso, con oito pezas en total, e alternando entre neno e nena, sendo a peza exterior e máis grande unha rapaza loira vestida ó xeito tradicional ruso, con pano na cabeza e ollos claros. O xoguete gostaba moito ós nenos, pero non se fixo realmente popular ata que a muller de Mamotov o presentou na Exposición Universal de París en 1900, gañando unha medalla de bronce. En vista do éxito, Mamotov comezou un amplo labor de difusión e axiña as bonecas comenzáronse a facer noutros puntos do país, variando progresivamente os seus deseños de decoración, pero seguindo fieis ó estilo tradicional de fabricación.

Mostra dun caderno anexo á axenda totalmente personalizado por Caramiña

E precisamente a súa elaboración presenta grandes dificultades. Todas as bonecas que haxa nun xogo de Matrioskas saen dunha única peza de madeira. Emprégase a estes fins normalmente madeira de tileiro, que é moi resistente e permite un tallado moi fino, e ó mesmo tempo é unha madeira moi branca na que resaltan as cores das pinturas empregadas. A elaboración tradicional das bonecas require moito traballo e paciencia, xa que a madeira, despois de ser talada, require un tempo de secado de 2 anos. A razón de que se empregue unha mesma peza de madeira, ademais da admiración que esperte este arduo cometido, é fundamentalmente técnica: as condicións de humidade, disposición das vetas da madeira, exposición a posibles torceduras no proceso de secado, etc. serán sempre as mesmas se traballamos cunha única peza, e así asegurámonos de que todas as bonecas collan unha dentro da outra de por vida.
Co paso do tempo e as esixencias dos compradores, os deseños pictóricos das matrioskas fóronse facendo cada vez máis complexos e na actualidade a dificultade do tallado parece que queda nun segundo plano con respecto ó ricas e detalladas que teñen que ser as pinturas que as decoran, nas que se empregan óleos, acualeras, témperas e vernices. Tamén aumentaron as esixencias en canto ó número de pezas dun xogo de bonecas. Se ben a dificultade do seu tallado fai que raras veces supere as 20 pezas, hai Matrioskas de coleccionista que poden ter entre 48 e 60 bonecas. Aínda así, a máis grande da que se ten noticia chegaba ás 75 e a maior delas tiña unha altura de 1,50 ms., ¡todo un récord!
As Matrioskas están tan sumamente implantadas na cultura rusa que mesmo xurdiu unha lenda sobre a súa orixe cun conto anónimo que narra o nacemento destas bonecas  e que serve de explicación para o sentimento de maternidade:
http://www.ciudadseva.com/textos/cuentos/otras/anon/occiden/matriosk.htm


No hay comentarios:

Publicar un comentario