lunes, 16 de enero de 2012

Para os máis nostálxicos

Para eses que seguen preferindo ter as fotos impresas e gardadas nun álbum e así podelas ‘tocar’ cando queiran, aquí vai unha breve historia da orixe da palabra ‘álbum’.
Supoño que a terminación da palabra xa vos fai pensar na súa orixe. Efectivamente, ‘álbum’ vén do latín album que é a forma neutra do adxectivo albus, que quere dicir ‘branco’. Na época dos romanos a palabra album servía para designar unha especie de taboleiro branco e encerado, situado nunha parede en fronte do Capitolio,  no que os pretores e xuíces escribían as súas decisións e sentenzas para que puidesen ser coñecidas polo pobo. Sería algo así como o equivalente ó actual taboleiro de edictos do xulgado ou do concello. Mais daquela non había BOE nin DOG nin BOP, e por non haber non había nin papel, de aí que este taboleiro estivese cuberto de cera para poder escribir nel cunha espátula ou cun palillo de escritura.

Álbum de 25x30 cms.decorado con follas naturais, feito enteiramente a man.


Unha vez que esta figura dos alba (plural do neutro album) desapareceu como tal, a palabra caeu en desuso; pero foi recuperada polo alemán na Idade Media para designar o que hoxe coñecemos como ‘libro en branco’.  No século XVIII a palabra estendeuse en Francia para denominar uns cadernos nos que se puxo de moda recoller as sinaturas autógrafas de amigos e achegados, coñecidos máis concretamente como album amicorum  (álbum dos amigos).  A palabra chegou á península  Ibérica no século XIX  para identificar un caderno en branco onde se asentaban composicións literarias, sentenzas, máximas, pezas de música, sinaturas, retratos de persoas célebres…
Hoxe emprégase para designar un soporte semellante a un libro no que se poidan gardar elementos non impresos nas propias páxinas, por así dicilo, como acontece coas fotografías, os selos, os cromos, etc. Agora ben, o emprego desta palabra para estes fins non é moi antigo, pois evidentemente non pode ser anterior ó nacemento da fotografía (o daguerrotipo foi anunciado e difundido en 1839); e por outra banda hai que ter en conta que na súa orixe, a fotografía era un artigo de luxo, ó alcance de moi poucos, por iso os primeiros álbumes coñecidos eran de carácter temático e con fines de publicación para a súa difusión (temas políticos, paisaxísticos, documentais…). A aparición dos álbumes de carácter familiar ou privado é bastante recente, e mesmo as nosas avoas conservan un único álbum familiar con fotos de toda a súa vida condensadas nunha ducia de páxinas (e só unha das fotos recolle a súa infancia), o que para nós, a día de hoxe, é impensable dada a grande accesibilidade e popularización da fotografía. En canto ó termo ‘álbum musical’, a orixe desta terminoloxía xurdiu xa cos discos de vinilo, pois a súa semellanza cos tradicionais álbumes de fotos fixo que a palabra se comenzase empregar tamén para a súa designación, e agora serve para denominar calquera colección de pistas de música reunidas nun mesmo soporte.

Álbum de 30x30 cms. decorado cun deseño exclusivo de motivos musicais.


No entanto, o mundo dos álbumes non remata aquí. Este termo está adquirindo novas dimensións, a xa se fala de álbumes virtuais ou on line.
En Caramiña temos morriña dos tempos pasados, dos recordos para toda unha vida, das fotos en branco e negro e dos álbumes tradicionais, encadernados ó estilo clásico, onde gardar todas esas vivencias; por iso ofrecemos algúns modelos de álbum, totalmente personalizables, para seguir fieis ós impulsos da nostalxia. Nesta ocasión amosamos dous modelos, un deles de gran formato, de 18 páxinas de 30x30 cms. e capacidade para 144 fotos de tamaño estándar, e outro máis pequeño, de 12 páxinas de 25x30 cm., e capacidade para 72 fotografías estándar.
Estamos abertos ás vosas suxestións.


No hay comentarios:

Publicar un comentario