miércoles, 30 de mayo de 2012

Ampliando horizontes: bolsos feitos de lenzo de inspiración galega



Bolsos confeccionados en lenzo negro tinguido

Caramiña Artesanía colle agora a agulla e o dedal para ofrecervos novos produtos. Nesta ocasión elaboramos uns bolsos con tea de lenzo, que é un tecido bastante resistente pola disposición do entramado do fío, e cun tacto rústico que lembra ás antigas enaguas de liño.

Bolsos decorados en cor marrón

De feito, o lenzo fabrícase cun fío elaborado cunha mestura de liño e algodón. As características destas fibras vexetais naturais fixeron que moi cedo se advertise a súa idoneidade para ser empregada como tea base da arte pictórica, e a extensión do seu uso motivou que por metonimia se fale hoxe de “lenzos” como sinónimo de pinturas ou cadros. Dende moi antigo xa se pintaba sobre tea, pero a implantación definitiva do lenzo como base para a pintura non se consolidou ata o século XVI en Italia, se ben se disputaba o posto coa pintura sobre táboa.
Flor do liño
O motivo deste éxito do lenzo débese precisamete á súa composición. A combinación do algodón co liño ofrecía unha textura e unha superficie idóneas para pintar, se ben hai que indicar que nun primeiro momento o lenzo se fabricaba empregando só unha destas fibras, por iso había lenzo de algodón e lenzo de liño, ata que se observou a conveniencia de mesturar ambos materiais para aunar as vantaxes dun e doutro. Por unha banda, o algodón é unha fibra moi absorbente, de modo que a pintura penetraba ben no tecido, e bastante elástica, o que permitía tensar a tea sobre o bastidor de madeira e mesmo retensala se afrouxaba ó quedar empapada  coa pintura. Pola súa banda, o liño é unha fibra moi resistente, forte e difícil de romper, mais presentaba o inconveniente de ser moi cara, sensible ós cambios de humidade ambiental, o que facía que se destensase, e ademais deteriorábase co contacto directo co óleo, que antigamente era máis corrosivo que na actualidade.
Planta de liño
Para aproveitar as vantaxes dun e doutro material comezouse a fabricar lenzo cunha mestura de algodón e liño, ó que se lle aplicaba unha imprimación de produtos químicos como cola, glicerina, óxido de cinc, carbonato de chumbo, aceite de linaza… co fin de impermeabilizar o liño do tecido e ó mesmo tempo obter unha superficie lisa e uniforme, polo xeral branca, para pintar dun xeito máis homoxéneo.
            Falando un pouco do liño, como xa sabedes, trátase dunha planta herbácea da que se aproveita case todo: do talo tíranse as fibras para tecer as teas de liño, da semente, chamada linaza,  obtense aceite e fariña. O liño é propio da rexión dos ríos Nilo, Tigris e Éufrates, se ben hoxe se cultiva en todas as partes do mundo, e mesmo en zonas de clima frío. O liño foi a primeira fibra vexetal que se empregou para a elaboración de tecidos. Cultivábase en Exipto xa no s. IV a.C., e moitas das súas momias, como xa sabemos, estaban envoltas en tecidos de liño. En Europa tamén se empregaba o liño dende moi antigo, e a pesar da chegada do algodón ata o século XVIII  o liño era a fibra téxtil máis empregada despois da la. A cor natural do liño vai do branco tostado ó gris claro e, ó igual có algodón, está composto na súa meirande parte de celulosa.
Flor do algodón
Con respecto ó algodón, trátase dun arbusto que en estado salvaxe pode medrar ata os 3 metros de altura, e é propio das rexións tropicais de todo o mundo (Asia, África e América). A parte da flor de onde se extraen as fibras chámase hilacha, e na natureza atópanse en cor branco, marrón e verde, mais as esixencias da produción industrial fixeron que estoutras variedades naturais quedasen practicamente exterminadas. O cultivo do algodón require abundante rego e nel empréganse bastantes produtos químicos, polo que a explotación deste arbusto resulta moi contaminante. O aproveitamento do algodón nas rexións onde nacía de forma natural é moi antigo. Na península do Indostán (actuais India, Pakistán, Bangladesh, Sri Lanka, Maldivas, Bután e Nepal) hai rexistro do emprego do algodón cara ó 450 a.C. A Europa chegou máis tarde, establecéndose en España os primeiros cultivos (Valencia) e fábricas (Granada, Córdoba ou Sevilla) no século X; aínda que a expansión do uso deste material en toda Europa non chegaría ata máis tarde, ben entrado xa o século XV. Como curiosidade podemos dicir que o algodón non se emprega só na elaboración de téxtiles, senón tamén noutros produtos, como o papel moeda e de feito os billetes de euro están fabricados integramente de algodón, así coma os dólares americanos.
Bolsos decorados en negro con forro tamén negro.

Os bolsos que elaboramos están feitos con lenzo de algodón e liño, e están inspirados nos patróns de decoración das enaguas galegas tradicionais. Teñen puntillas, cintas pasadeiras, lazos de veludo, dobrezes superpostas e cosidas… Todos eles están feitos enteiramente a man e cun deseño único para cada un. Esperamos que vos gusten.

Bolso decorado con cinta de veludo granate