miércoles, 16 de mayo de 2012

Pan de Ouro


         O ouro foi dende sempre o metal precioso por excelencia en todas as culturas. Polas súas características, que non pasaron desapercibidas para o home moito antes incluso de que nacese a ciencia química,  atribuíanselle cualidades máxicas de sandamento, poder ou protección. Unha desas características é que o ouro é sumamente inactivo, o que quere dicir que non reacciona con moitos dos compostos químicos que se atopan habitualmente na natureza, polo que é bastante hipoalerxénico e inalterable coa calor, a humidade, o aire… Esta peculiaridade fai que sempre conserve as súas características propias, particularmente a cor e o brillo, permanecendo intacto pasase o tempo que pasase. Non é de extrañar que se identificase dende moi cedo como símbolo de poder, xa que o brillo eterno do ouro sería trasunto do fulgor do poder do seu portador, e a isto engádese o feito de que é relativamente escaso e, en consecuencia, só accesible para uns poucos.
            Outra característica salientable do ouro é que se considera o metal máis maleable e dúctil coñecido, o que implica un aumento das súas potenciais aplicacións. Na actualidade os usos deste metal superaron amplamente a súa inicial aplicación como materia prima de ourivería e xoiaría, pois non se usa só en medicina, senón tamén en electrónica, telecomunicacións, enxeñaría aeronáutica, nanotecnoloxía, etc.

            En relación con estas características que acabamos de mencionar, o carácter dúctil e maleable do ouro foi axiña prezado polos artesáns que o traballaban, que souberon sacar partido del para crear novos produtos, como o pan de ouro. O pan de ouro obtense golpeando repetidamente unha lámina deste metal ata que acade un grosor duns 0,006 mm. Isto só é posible pola devandita condición maleable do ouro (dunha onza deste elemento -31,10 gr.- pódese obter unha lámina de 28 m2). Esta primeira lámina lógrase do mesmo xeito, martelando unha peza de ouro ata que quede alisada e fina. O ouro puro é tamén moi brando, polo que normalmente se funde con outros metais que lle confiran certa dureza, principalmente prata e cobre, o que tamén pode cambiar os matices de cor do ouro tal e como o coñecemos.



            Xapón é un país cunha amplísima tradición na produción de ouro e creación de pezas con aplicacións deste elemento: caixas lacadas e decoradas con po de ouro, budas xigantes cubertos de pan de ouro, xoairía… De feito, en Xapón é onde se produce o pan de ouro máis fino do mundo, moitas veces obtido con métodos tradicionais transmitidos de xeración en xeración. Sakuda é unha cidade referente neste ámbito, pois alí prodúcese o 99% do pan de ouro de todo o Xapón. Para conseguir esta finura trabállase sobre unha lámina de ouro previamente obtida por batido dun grosor dunha milésima parte dun milímetro. A continuación esta lámina ponse entre un papel xaponés especial chamado hakuda-shi e séguese batendo e golpeando ata obter unha lámina final dun grosor dunha dezmilésima parte dun milímetro. Segundo os artesáns de Sakuda o segredo reside no papel empregado, feito tamén a man, que está cuberto dunha pátina satinada que fai que o ouro discorra suavemente pola súa superficie sen que quede grumo nin avultamento ningún.
Álbum de fotos decorado cunha estrela feita con lámina cor prata
             O pan de ouro emprégase fundamentalmente en decoración de esculturas de madeira, marcos de pinturas e cadros, composicións pictóricas, etc. Hoxe en día o labor facilítase considerablemente porque aparecen novos produtos sintéticos que permiten substituír o auténtico pan de ouro, e isto faino máis accesible porque se abaratan moito os costes. As láminas que se adoitan empregar en decoración na actualidade chámanse foils, e presentan a vantaxe de que se fabrican en multitude de cores, facendo máis versátil a peza na que se apliquen. Polo contrario, a dificultade que presentan os foils é que se aplican seguindo o mesmo método que na colocación do pan de ouro: primeiro hai que estender un pegamento especial cunha espátula, seguindo un debuxo previo marcado a lapis na superficie a tratar; logo hai que esperar entre 6 e 10 horas a que este pegamento adquira a textura adhesiva óptima para poñer a lámina sobre el, e finalmente aplícase a lámina cunha lixeira presión sobre os puntos de encolado ata que quede pegada.

Caixa decorada con volvoretas feitas en foil de prata
            En Caramiña Artesanía ofrecemos varias propostas de elementos decorados con foils. O resultado é sumamente elegante e delicado, e na súa confección puxemos o máximo coidado e dedicación. Agardamos que vos gusten e estamos abertos a todo tipo de suxestións.

Tarxetas decoradas con foils de diferentes cores: cobre, vermello, prata, verde...