miércoles, 16 de mayo de 2012

Traballos por encargo

     Nesta entrada querémosvos amosar algúns dos traballos que fixemos por encargo. En todos eles o deseño fíxose tendo en conta os gustos do destinatario, idade, actividade... ademais das indicacións da persoa que fixo o encargo.
  • En primeiro lugar ensinámosvos unha tarxeta encargada para felicitar a un amigo o nacemento do seu fillo. A tarxeta é de tamaño A4 (folio), elaborada enteiramente a man, ó igual que o sobre, en papel mi-teint dun 50% de algodón, en cores marfil e celeste. O deseño foi feito exclusivamente para esta ocasión, empregando a técnica do découpage. Para rematar a decoración engadíronse lazos de raso e o nome do neno.

  • A continuación amosámosvos uns ficheiros encargados para clasificar postais de viaxe enviadas a nenos. Un dos modelos é para nena e o outro para neno o que determinou en grande parte a elección das cores. Por outro lado, xa que a finalidade principal era gardar postais, a decoración recolle elementos que fan referencia ás viaxes: bandeiras, maletas, avións...


  • Este traballo foi un agasallo encargado para enmarcar un diploma expedido pola Royal Academy of Dance of London  dunha rapaza que fixera un examen oficial de ballet. Está decorado con elementos que remiten ó mundo da danza. Ten nunha esquina unha máscara anteface con plumas inspirada no ballet O Lago dos Cisnes. Na esquina oposta ten unha foto dunhas zapatillas de puntas rematadas nunha lazada de raso con crema. A parte visible do marco está feito con varias pranchas de cartón compactado unidas ó marco que leva o cristal. A decoración fíxose con papel charol, plumas tinguidas, cintas de veludo e raso e brillantes artificiais.

       Esperamos que vos gusten as nosas propostas. E se tedes que facer algún agasallo personalizado, nós encargámonos do deseño e de ofrecervos distintos modelos para que poidades escoller. Estamos á vosa disposición.