lunes, 11 de junio de 2012

Ai, que calor!!!


Abanico pintado en branco con aplicacións de foil en prata

          Hoxe falaremos de abanos e para iso comezaremos polo principio. As orixes do abano son un tanto incertas. Tense coñecemento de que os antigos exipcios, babilónicos, gregos, romanos e persas empregaban uns aparellos coa finalidade de mover o aire e refrescarse, xa que se conservan representacións pictóricas que así o demostra. Mais estes primeiros instrumentos eran abanicos grandes, moitas veces confeccionados con elementos naturais que precisaban moi pouca adaptación, como plumas grandes ou follas de palmeiras, que se inserían nun mango de madeira, e que normalmente se encargaban de axitar os escravos. Estes abanos tiñan unha dupla finalidade: a de refrescarse e a de axotar os insectos. Máis tarde identificáronse cun símbolo de poder e de pertenza á aristocracia, xa que sempre se precisaba un escravo que se encargase deste labor, e non todo o mundo tiña escravos á súa disposición. Finalmente, este tipo de abanos grandes quedaron relegados a unha fin meramente ornamental.


Detalle de abano pintado en branco
          Estes abanicos grandes, que requirían un movemento amplo realizado cos dous brazos, foron empregados en todas as culturas e téñense rexistros da súa aparición dende o terceiro milenio a. C. Tanto os aztecas coma os incas, os chinos e os xaponeses, sen esquecer, como xa dixemos, os poboadores do Mediterráneo, conservaron representacións artísticas en que se reflicte o uso destes aventadores de pé. A utilización destes instrumentos estendeuse ata o século XVI, se ben nos últimos séculos a súa aparición reducíase ós círculos da alta sociedade.
Detalle de abano pintado en negro e dourado
          Porén, os abanos de man que hoxe coñecemos teñen unha orixe moito máis recente no tempo e unha procedencia do máis remota. Dise que o abanico pregable procede de Xapón ou de Corea, e que os grandes mercaderes occidentais importaron a idea. No século XV comézase a súa implantación en Europa e fundamentalmente en Francia, onde se comezou a fabricar un modelo pregable. A época de máximo esplendor foi durante os reinados de Luís XIV e Luís XV (1638-1770), onde pasou a ser complemento indispensable da vestimenta de toda dama que se prezase. Daquela a súa fabricación chegou ó extremo do artificio e da sofisticación, dado que se empregaban materiais de luxo como pedras preciosas, tafetán de Florencia, sedas, ouro, marfil, prata, etc. 
          Foi neste contexto onde xurdiu unha linguaxe secreta vinculada ó abanico, empregada polas damas da aristocracia para comunicarse cos seus pretendentes e potenciais amantes coa finalidade de gardar as formas en público e evitar que os demais coñecesen as mensaxes intercambiadas cos cabaleiros. Este tipo de linguaxe era útil en ambientes sociais de reunión (concertos, ópera, reunións de festexo) onde se podían producir os encontros cos amantes aínda que gardando a discreción máis absoluta. A continuación ensinámosvos algúns dos códigos desta forma de comunicación.

Abano pintado en negro e decorado con pintura dourada

A linguaxe do abano

1. Abanicarse rapidamente: Ámote con intensidade
2. Abanicarse lentamente: Abanicarse de forma pausada significa “son unha señora casada e resúltasme indiferente”. Tamén ten este significado se se abre e se pecha moi despacio.
3. Pechar despacio: Este peche significa un “Si”. Se se abre e pecha rapidamente significa: "Coidado, estou comprometida".
4. Pechar rápido: Pechalo de forma rápida e amuada significa un “Non”.
5. Caer o abanico: Deixar caer o abano significa: "perténzoche".
6. Levantar os cabelos: Se levanta o pelo co abano significa que pensa en ti e que non te esquece.
7. Contar variñas: Se conta as variñas do abano ou pasa os dedos por elas quere dicir que quere falar contigo.
8. Cubrirse do sol: Significa que es feo e non lle gustas.
9. Apoialo sobre a fazula: Se se apoia sobre a fazula dereita significa “si”, e “non” se se apoia sobre a esquerda. 
10. Emprestar o abano: Se empresta o abanico ó seu acompañante, malos presaxios. Se llo dá á súa nai quere dicir: “Despídote, acabouse”.
11. Dar un golpe: Un golpe co abanico sobre un obxecto significa impaciencia.
12. Suxeitalo coas dúas mans: Se suxeita o abano aberto con ambas as dúas mans significa “é mellor que me esquezas”.
13. Cubrir os ollos: Co abanico aberto, significa “Quérote”. Se se cubre o rostro pode significar “Coidado, aséxannos”.
14. Pasalo polos ollos: Significa “síntoo”. Se pecha o abano tocando os ollos quere dicir “Cando te podo ver?”.
Mostra dunha ilustración decimonónica con exemplos da linguaxe do abanico
15. Abrir o abano e mostralo: Significa “Pódesme agardar”.
16. Cubrir a cara: Cubrir a cara co abano aberto significa: “Sígueme cando marche”.
17. A medio abrir: Apoiar o abano a medio abrir sobre os beizos quere dicir “Pódesme bicar”.
18. Apoiar os beizos: Se apoia os beizos sobre o abano significa desconfianza.
19. Pasalo pola fazula: Significa “Estou casada”.
20. Escorregalo sobre os ollos: Significa: “Marcha, por favor”.
21. Man esquerda: Levalo na man esquerda quere dicir: "Desexo coñecerte". Movelo coa man esquerda significa: "Obsérvannos". 
22. Man dereita: Levalo ou movelo coa man dereita significa: “Amo a outro”.
23. Pasalo dunha man a outra: Significa “Estás flirteando con outra” ou “Es un atrevido”.
24. Xiralo coa man dereita: Significa “Non me gustas”.
25. Tocar a palma da man: Quere dicir “Estou pensando se te quero”.
26. Sobre o corazón: Apoiar o abano aberto sobre o corazón ou o peito quere dicir: “Ámote” ou “Sufro polo teu amor”.
27. Darse na man esquerda: Darse un golpe co abano pechado na man esquerda significa “Ámame”.
28. Mirar debuxos: Mirar os debuxos do abano quere dicir: “Gústasme moito”.
29. Baixalo á altura do peito: Significa “Podemos ser amigos”. Tamén deixalo pendurado quere dicir “Seremos amigos”.
30. Pechalo sobre a man esquerda: Quere dicir “Casarei contigo”.
31. Sairei: Poñerse no balcón co abano aberto ou saír ou entrar no balcón abanicándose.
32. Non sairei: Deixarse o abano pechado no balcón, saír ou entrar no balcón co abano pechado.
33. Arroxar o abano: Quere decir “Ódiote” ou “Adeus, acabouse”.
34. Presentalo pechado: Significa “Quéresme?”.
35. Sobre a orella: Na esquerda “Déixame en paz non quero saber nada de ti”. Na dereita “Non reveles o noso segredo”.
36. Contar ou abrir certo número de variñas: Indica a hora para quedar nunha cita, en función do número de variñas abertas ou “tocadas”.

Abanico pintado en vermello con aplicacións de foil de prata
          Esta linguaxe caeu en desuso, mais os abanos seguen sendo un elemento moi útil para refrescarse no verán. En Caramiña Artesanía ofrecémosvos uns modelos pintados, decorados e vernizados enteiramente a man para esparexer a calor deste tempo. Esperamos que vos gusten e lembrade que todos os modelos se poden personalizar ó voso gusto.