viernes, 22 de junio de 2012

Curiosidades sobre gatos: seguro que non o sabiades…



Ós gatos atribúeselles dende tempos inmemoriais poderes máxicos de adiviñación e fortuna. Numerosas culturas teñen relatos tradicionais dedicados ós gatos e a súa vinculación coa bruxería, e a día de hoxe moitas destas crenzas persisten no sentir popular da xente.
Os gatos comezaron a ser domesticados polos exipcios cara o 3.000 a.C. Observouse que os gatos eran uns eficaces cazadores de ratos, e iso permitía manter a salvo os cultivos e as reservas de gran, que eran o sustento imprescindible do pobo exipcio. Estas vantaxes empuxaron ós exipcios a querer estender a raza dos felinos e chegar a domesticalos, para ter un gato en cada fogar. Posteriormente, ás virtudes de salubridade e protección asociadas ós gatos sumáronse tamén crenzas relixiosas, pasando a ser considerado un animal sagrado, venerado na cultura exipcia e elevado ó grao de divindade. Este carácter divino unido á beleza natural deste animal fixo que a deusa Bastet, divindade que encarnaba a beleza e a fertilidade, fose representada cunha cabeza de gato.
A importancia e veneración deste felino na sociedade exipcia chegou a límites insospeitados, ata o punto de que a morte deste animal era motivo de dó na familia. Os corpos dos gatos, unha vez falecidos, eran embalsamados e momificados, e honrábanse as súas tumbas enchéndoas de ratos embalsamados. O achado na cidade de Bubastis en 1890 dunha necrópole con máis de 300.000 gatos momificados dan proba desta devoción.
Os gatos entraron en Europa a través dos gregos, quen os importaron de Exipto polas mesmas razóns polas que estes os domesticaran: salvagardar os cultivos mantendo a raia ós ratos.
En épocas posteriores, en cambio, a sorte dos gatos foi ben distinta. Ó longo da Idade Media houbo unha auténtica persecución contra estes animais pola crenza de que eran bruxas metamorfoseadas. Xa de antigo se pensaba que os gatos eran mensaxeiros de malos presaxios ou portadores de meigallos e encantamentos. A tradición celta relata que as meigas se facían acompañar de gatos, especialmente os de cor negro, porque se servían deles como mensaxeiros ou secretarios, ou mesmo porque eran persoas transformadas por algunha sorte de conxuro e obrigadas a servilas. Estas supersticións estendéronse ata o punto de chegar a sacrificar a milleiros de felinos baixo a sospeita de ser bruxas transformadas ou instrumentos dos seus artificios.
A persecución masiva contra os gatos tivo unhas consecuencias desastrosas na loita contra a peste cando a praga arrasou Europa no século XIV, entre outras razóns porque existía a crenza errónea de que eran os gatos quen propagaban a infección, e non as ratas. Daquela apenas quedaban felinos abondo para combater a grande cantidade de roedores que estendían a enfermidade. A comprobación de que a peste se transmitía polas pulgas das ratas e non polas dos gatos motivou que progresivamente se volvese estimar os gatos como animais útiles e se fose abandonando a súa asociación coa bruxería, aínda que estiveron a piques de ser exterminados por completo en Europa. A partir do século XVII reivindícase de novo a protección destes animais pola súa eficacia á hora de combater a crecente poboación de ratas, o que permitía evitar a propagación de cepas de peste e outras enfermidades.
Famoso cartel feito por Toulouse Lautrec para anunciar a estrea en 1881 dun cabaret titulado "O gato negro".
No século XVIII os gatos recuperan o seu antigo estatus e empezan a ser estimados como animais de grande beleza, xurdindo representacións pictóricas e escultóricas dedicadas a eles, cando na época medieval iso sería impensable. Afortunadamente nos nosos días, aínda que moitas das antigas crenzas se conserven no saber popular, os gatos gozan dunha existencia pracenteira e libre de ameazas.

Detalles da portada e contraportadas do caderno

           E para facerlles xustiza presentamos este caderno feito por encargo decorado con debuxos propios, con motivos de gatos e referencias ó mundo felino. Esperamos que vos guste.


Detalles da decoración interior do caderno