Bolsos confeccionados en lenzo negro tinguido |
Caramiña
Artesanía colle agora a
agulla e o dedal para ofrecervos novos produtos. Nesta ocasión elaboramos uns
bolsos con tea de lenzo, que é un tecido bastante resistente pola disposición
do entramado do fío, e cun tacto rústico que lembra ás antigas enaguas de liño.
Bolsos decorados en cor marrón |
De feito, o lenzo fabrícase cun fío elaborado
cunha mestura de liño e algodón. As características destas fibras vexetais
naturais fixeron que moi cedo se advertise a súa idoneidade para ser
empregada como tea base da arte pictórica, e a extensión do seu uso motivou que
por metonimia se fale hoxe de “lenzos” como sinónimo de pinturas ou cadros.
Dende moi antigo xa se pintaba sobre tea, pero a implantación definitiva do
lenzo como base para a pintura non se consolidou ata o século XVI en Italia, se
ben se disputaba o posto coa pintura sobre táboa.
Flor do liño |
O motivo deste éxito do lenzo débese precisamete á
súa composición. A combinación do algodón co liño ofrecía unha textura e unha
superficie idóneas para pintar, se ben hai que indicar que nun primeiro momento
o lenzo se fabricaba empregando só unha destas fibras, por iso había lenzo de
algodón e lenzo de liño, ata que se observou a conveniencia de mesturar ambos
materiais para aunar as vantaxes dun e doutro. Por unha banda, o algodón é unha
fibra moi absorbente, de modo que a pintura penetraba ben no tecido, e bastante
elástica, o que permitía tensar a tea sobre o bastidor de madeira e mesmo
retensala se afrouxaba ó quedar empapada
coa pintura. Pola súa banda, o liño é unha fibra moi resistente, forte e
difícil de romper, mais presentaba o inconveniente de ser moi cara, sensible ós
cambios de humidade ambiental, o que facía que se destensase, e ademais
deteriorábase co contacto directo co óleo, que antigamente era máis corrosivo
que na actualidade.
Planta de liño |
Para aproveitar as vantaxes dun e doutro material
comezouse a fabricar lenzo cunha mestura de algodón e liño, ó que se lle
aplicaba unha imprimación de produtos químicos como cola, glicerina, óxido de
cinc, carbonato de chumbo, aceite de linaza… co fin de impermeabilizar o liño
do tecido e ó mesmo tempo obter unha superficie lisa e uniforme, polo xeral
branca, para pintar dun xeito máis homoxéneo.
Falando un pouco do liño, como xa sabedes, trátase
dunha planta herbácea da que se aproveita case todo: do talo tíranse as fibras
para tecer as teas de liño, da semente, chamada linaza, obtense aceite e fariña. O liño é propio da
rexión dos ríos Nilo, Tigris e Éufrates, se ben hoxe se cultiva en todas as
partes do mundo, e mesmo en zonas de clima frío. O liño foi a primeira fibra
vexetal que se empregou para a elaboración de tecidos. Cultivábase en Exipto xa
no s. IV a.C., e moitas das súas momias, como xa sabemos, estaban envoltas en
tecidos de liño. En Europa tamén se empregaba o liño dende moi antigo, e a
pesar da chegada do algodón ata o século XVIII
o liño era a fibra téxtil máis empregada despois da la. A cor natural do
liño vai do branco tostado ó gris claro e, ó igual có algodón, está composto na
súa meirande parte de celulosa.
Flor do algodón |
Con respecto ó algodón, trátase dun arbusto que en
estado salvaxe pode medrar ata os 3 metros de altura, e é propio das rexións
tropicais de todo o mundo (Asia, África e América). A parte da flor de onde se
extraen as fibras chámase hilacha, e
na natureza atópanse en cor branco, marrón e verde, mais as esixencias da
produción industrial fixeron que estoutras variedades naturais quedasen
practicamente exterminadas. O cultivo do algodón require abundante rego e nel
empréganse bastantes produtos químicos, polo que a explotación deste arbusto
resulta moi contaminante. O aproveitamento do algodón nas rexións onde nacía de
forma natural é moi antigo. Na península do Indostán (actuais India, Pakistán,
Bangladesh, Sri Lanka, Maldivas, Bután e Nepal) hai rexistro do emprego do
algodón cara ó 450 a.C. A Europa chegou máis tarde, establecéndose en España os
primeiros cultivos (Valencia) e fábricas (Granada, Córdoba ou Sevilla) no
século X; aínda que a expansión do uso deste material en toda Europa non
chegaría ata máis tarde, ben entrado xa o século XV. Como curiosidade podemos
dicir que o algodón non se emprega só na elaboración de téxtiles, senón tamén
noutros produtos, como o papel moeda e de feito os billetes de euro están fabricados integramente de algodón, así coma os dólares americanos.
Bolsos decorados en negro con forro tamén negro. |
Os bolsos que elaboramos están feitos con lenzo de
algodón e liño, e están inspirados nos patróns de decoración das enaguas
galegas tradicionais. Teñen puntillas, cintas pasadeiras, lazos de veludo, dobrezes
superpostas e cosidas… Todos eles están feitos enteiramente a man e cun deseño
único para cada un. Esperamos que vos gusten.
Bolso decorado con cinta de veludo granate |