jueves, 5 de julio de 2012

Gústanos Xapón


      Caramiña Artesanía acaba de elaborar unha serie de produtos inspirados na decoración tradicional xaponesa: elementos cadrados, flores de cerdeira, casas tradicionais, lacados…
       É ben sabido que os xaponeses celebran a chegada da primavera admirando a floración das cerdeiras, un verdadeiro espectáculo natural. Esta época de floración é coñecida polos nipóns como sakura, e aprovéitase a ocasión para saír de pícnic (hanami) e contemplar a beleza deste fenómeno.
      En Caramiña deseñamos este móbil sonoro inspirado neste fermoso acontecemento. Está totalmente feito e decorado á man, con debuxos propios que recordan ás pólas ateigadas de flores destes froiteiros. O centro de cada flor está adornado con foils de prata, así como as bolboretas que rodean a composición. Tamén se empregaron aplicacións de foil vermello nas esquinas dos marcos e brillantes prateados. O lazo para colgalo é de veludo negro.


      Tamén presentamos este álbum de fotos de inspiración nipona, tanto na portada como no reverso. As flores foron pintadas á man e completadas con pétalos naturais prensados. O interior está elaborado en cartolina dobre de cor negra, e as contraportadas de inicio e peche en cartolina rosa combinada coas flores da portada. O álbum pecha cun botón de nácara branco.


      Outra das máis coñecidas manifestacións artísticas do Imperio do Sol Nacente é a laca. En realidade o emprego da laca é común á tradición chinesa e xaponesa, xa que se trata dunha resina natural extraída dunha árbore chamada Rhus Verniciflua que é oriunda de China e de Xapón. Os nipóns chaman Urushi tanto á laca en estado natural como ó resultado final, mentres que en China existen moreas de nomes para designar os distintos estados polos que pasa este elemento ata secar por completa. O curioso desta substancia é que, a diferenza doutras resinas coñecidas en occidente das que se obteñen pegamentos, colas ou vernices, a laca non endurece por efecto de secado (evaporación do disolvente con que se aplica), senón por polimeración, que é un proceso enzimático moi complexo que só sucede en presenza dunha grande humidade relativa. O resultado deste proceso é un polímero (plástico) moi resistente ós axentes externos, duro e estable; de feito empregábase para cubrir armaduras e escudos de coiro, e para impermeabilizar recipientes.




      Os primeiros rexistros que se teñen do emprego da laca en China datan de 2000 anos a.C. A chegada desta técnica a Xapón data do século VI d.C., e foron os nipóns os que perfeccionaron o uso desta arte ata canvertela en algo sublime. Mediante a técnica do maki-e ("salpicada") os xaponeses crearon un estilo de lacado propio e xenuíno. Consistía en salpicar ou esporear sobre unha capa de laca fresca, dada sobre outra xa seca, pó de ouro ou prata, Unha vez seco, lixábase ata deixar unha superficie lisa e uniforme. A operación repetíase tantas veces como se desexase ata acadar o resultado pretendido de "salpicado". O traballo final chámase nashiji.
      A aplicación tradicional da laca é un proceso extremadamente delicado. A propia extracción da laca é complicada, dado que se trata dunha resina branca que ó contacto co aire se torna negra, e é preciso depurala antes de aplicala. Nas pezas lacadas o normal é empregar trinta capas de laca, cada unha delas puída previamente antes de estender a seguinte, pero nalgúns casos chégase ata as cen capas. Para a decoración final pódense utilizar capas de laca pigmentada de cores, gravado, ou tallado con aplicacións de nácara ou pan de ouro.

Vista de detalles do xoieiro e interior con espello
      Caramiña ofrece este xoieiro de inspiración xaponesa: liñas cadradas e rectas, decorado en vermello e negro, cun patrón floral na cuberta. A tapa foi pintada enteiramente a man e presenta aplicacións de foil vermello combinado con liñas brancas. O interior está pintado en vermello e puído con la de aceiro, que dá un acabado moi agradable ó tacto. A caixa está vernizada cun acabado especialmente brillante que lembra ós lacados xaponeses. A base do xoieiro está protexida con feltro negro.