domingo, 28 de octubre de 2012

Goma Elástica


Todos sabemos que a goma elástica procede do caucho. O caucho é un tipo de composto químico chamado polímero elástico (formado na meirande parte de hidróxeno) que brota coma unha emulsión leitosa do zume dalgunhas árbores, coñecido comunmente como látex. A principal especie produtora de caucho é o Hevea, árbore orixinaria da ribeira amazónica cuxo cultivo se foi estendendo por razóns comerciais. É curioso que esta árbore sexa coñecida comunmente como siringa ou siringueira polos brasileiros. O aproveitamento deste material polos habitantes das zonas onde estas especies medran é antiquísimo. Os antigos mesoamericanos tiñan xogos de pelota nos que empregaban bólas feitas de caucho, algunhas delas datan do 1600 a.C. Tamén se ten coñecemento de que os maias elaboraban un tipo de calzado somerxendo os pés en látex e agardando a que secase, ademais doutros usos como protección de empuñaduras para instrumentos de traballo, cintas para suxeitar e mover pedras, etc.


Cando o caucho chegou a España logo do descubrimento de América, reparouse en que era bo para eliminar as marcas do lapis sobre o papel, e ese foi o primeiro uso que se lle deu. Apareceron así as primeiras gomas de borrar, e mesmo agora se seguen a facer de caucho, aínda que sexa sintético.
No século XVIII, tras un estudo en detalle da substancia, observouse que a súa composición química (C5H8) estaba formada por cadeas de hidrocarburos, abríndose así a posibilidade de chegar a elaboralo de maneira sintética, co conseguinte aforro na súa produción.

Charles Goodyear
Outro grande avance que se sumou á fabricación de caucho sintético foi a invención do proceso de vulcanización, que consiste en lle engadir xofre ó caucho nun contexto de altas temperaturas (posteriormente chegouse a acadar o mesmo resultado cun vulcanizado en frío). Este proceso fai que a resistencia do caucho aumente exponencialmente e se faga, como se chegou a dicir na época, “inmune ós elementos”. En torno a este descubrimento hai toda unha historia case lendaria. Dise que en 1839 foi Charles Goodyear (Boston) quen por descoido deixou caer unha mestura de caucho con xofre sobre unha estufa quente, e o resultado foi a transformación do caucho nun material moito máis resistente. A este proceso denominóuselle “vulcanización”. O curioso da historia é que este foi dende entón o mecanismo empregado para a fabricación de pneumáticos, mais a coñecida marca “Goodyear” non se fundou até 1898, 38 anos despois da morte de Charles Goodyear. De feito, houbera bastantes disputas sobre a patente xa que en 1843, en Inglaterra,Thomas Hancock (que introducira a industria do caucho neste país) tamén patentou o proceso de vulcanizado. Pero  quizais sexa mellor deixar para outra ocasión o dilema de quen foi o primeiro en inventalo.
Volvendo sobre o tema da goma elástica, foi Steve Perry, un dos licenciatarios de T. Hancock, quen introduciu a primeira goma elástica no mercado, rexistrando a súa patente o 18 de marzo de 1845. A partir dese momento, as aplicacións dos elásticos fóronse estendendo e aumentando progresivamente. Non servían só a nivel industrial, senón tamén a nivel doméstico. Hoxe non reparamos na cantidade de obxectos cotiáns que conteñen caucho (ademais dos chicles, claro), pero en realidade está moito máis presente do que coidamos, especialmente na industria téxtil (ningunha peza de roupa interior sería agora concibible sen elásticos).


Este é tamén o caso dos cadernos que Caramiña Artesanía vos presenta nesta ocasión. Todas elas pechan cun elástico de diferentes cores combinadas coas impresións. Os cadernos teñen deseños de clara inspiración galega, para todos os gustos, incluído o voso. Están montados enteiramente á man e decorados no interior con follas de garda a xogo coa portada.


Caramiña saca esta partida de cadernos, que será distribuída a través do Consorcio Editorial Galego, por varios puntos de venda dentro e fóra do país. Moi axiña teredes novas nosas ampliando esta información.