lunes, 16 de enero de 2012

Para os máis nostálxicos

Para eses que seguen preferindo ter as fotos impresas e gardadas nun álbum e así podelas ‘tocar’ cando queiran, aquí vai unha breve historia da orixe da palabra ‘álbum’.
Supoño que a terminación da palabra xa vos fai pensar na súa orixe. Efectivamente, ‘álbum’ vén do latín album que é a forma neutra do adxectivo albus, que quere dicir ‘branco’. Na época dos romanos a palabra album servía para designar unha especie de taboleiro branco e encerado, situado nunha parede en fronte do Capitolio,  no que os pretores e xuíces escribían as súas decisións e sentenzas para que puidesen ser coñecidas polo pobo. Sería algo así como o equivalente ó actual taboleiro de edictos do xulgado ou do concello. Mais daquela non había BOE nin DOG nin BOP, e por non haber non había nin papel, de aí que este taboleiro estivese cuberto de cera para poder escribir nel cunha espátula ou cun palillo de escritura.

Álbum de 25x30 cms.decorado con follas naturais, feito enteiramente a man.


Unha vez que esta figura dos alba (plural do neutro album) desapareceu como tal, a palabra caeu en desuso; pero foi recuperada polo alemán na Idade Media para designar o que hoxe coñecemos como ‘libro en branco’.  No século XVIII a palabra estendeuse en Francia para denominar uns cadernos nos que se puxo de moda recoller as sinaturas autógrafas de amigos e achegados, coñecidos máis concretamente como album amicorum  (álbum dos amigos).  A palabra chegou á península  Ibérica no século XIX  para identificar un caderno en branco onde se asentaban composicións literarias, sentenzas, máximas, pezas de música, sinaturas, retratos de persoas célebres…
Hoxe emprégase para designar un soporte semellante a un libro no que se poidan gardar elementos non impresos nas propias páxinas, por así dicilo, como acontece coas fotografías, os selos, os cromos, etc. Agora ben, o emprego desta palabra para estes fins non é moi antigo, pois evidentemente non pode ser anterior ó nacemento da fotografía (o daguerrotipo foi anunciado e difundido en 1839); e por outra banda hai que ter en conta que na súa orixe, a fotografía era un artigo de luxo, ó alcance de moi poucos, por iso os primeiros álbumes coñecidos eran de carácter temático e con fines de publicación para a súa difusión (temas políticos, paisaxísticos, documentais…). A aparición dos álbumes de carácter familiar ou privado é bastante recente, e mesmo as nosas avoas conservan un único álbum familiar con fotos de toda a súa vida condensadas nunha ducia de páxinas (e só unha das fotos recolle a súa infancia), o que para nós, a día de hoxe, é impensable dada a grande accesibilidade e popularización da fotografía. En canto ó termo ‘álbum musical’, a orixe desta terminoloxía xurdiu xa cos discos de vinilo, pois a súa semellanza cos tradicionais álbumes de fotos fixo que a palabra se comenzase empregar tamén para a súa designación, e agora serve para denominar calquera colección de pistas de música reunidas nun mesmo soporte.

Álbum de 30x30 cms. decorado cun deseño exclusivo de motivos musicais.


No entanto, o mundo dos álbumes non remata aquí. Este termo está adquirindo novas dimensións, a xa se fala de álbumes virtuais ou on line.
En Caramiña temos morriña dos tempos pasados, dos recordos para toda unha vida, das fotos en branco e negro e dos álbumes tradicionais, encadernados ó estilo clásico, onde gardar todas esas vivencias; por iso ofrecemos algúns modelos de álbum, totalmente personalizables, para seguir fieis ós impulsos da nostalxia. Nesta ocasión amosamos dous modelos, un deles de gran formato, de 18 páxinas de 30x30 cms. e capacidade para 144 fotos de tamaño estándar, e outro máis pequeño, de 12 páxinas de 25x30 cm., e capacidade para 72 fotografías estándar.
Estamos abertos ás vosas suxestións.


Hoxe falamos de Matrioskas


Como moitos de vós saberedes, as matrioskas son unhas bonecas tradicionais rusas cuxa principal característica é que están elaboradas dunha soa peza de madeira e talladas para que se abran polo medio e se poidan meter unhas dentro das outras por escala de tamaños. É dicir, que son ocas por dentro, salvo a última delas, que é de madeira maciza. O seu nome 'Matrioska' traduciríase por algo semellante a ‘matrona’ no seu sentido máis estrito, pero na cultura rusa alude a un colectivo máis amplo: as nais, as mulleres, as irmás, as mulleres do pobo. O que non sei se saberedes é que en realidade, e a pesar do célebres que se fixeron as matrioskas como símbolo de Rusia, a idea orixinal veu do Xapón, se ben en Rusia se lle deu esta expansión popular que permitiu a súa difusión mundial e hoxe son requiridas como recordo por todo turista que se prece que teña pasado por Rusia. E outra cousa curiosa é que teñen apenas un século de vida, ou sexa, que non son tan antigas como puidese parecer.


Axenda personalizada decorada co motivo dunha Matrioska


A primeira matrioska da que se teñen novas fabricouse en 1890 e naceu como un xoguete para nenos. A súa autoría atribúese a Sergei Maluitin, pintor dun obradoiro de xoguetes de madeira situado en Sergiyev Posad (cidade que hoxe se denomina Zagorsk), quen ó parecer inspirouse nun xogo de bonecas moi similar que representaba os sete deuses da fortuna, traído do Xapón por Savva Mamontov, mecenas e viaxante da época. Sergei fabricou un modelo parecido pero ó estilo ruso, con oito pezas en total, e alternando entre neno e nena, sendo a peza exterior e máis grande unha rapaza loira vestida ó xeito tradicional ruso, con pano na cabeza e ollos claros. O xoguete gostaba moito ós nenos, pero non se fixo realmente popular ata que a muller de Mamotov o presentou na Exposición Universal de París en 1900, gañando unha medalla de bronce. En vista do éxito, Mamotov comezou un amplo labor de difusión e axiña as bonecas comenzáronse a facer noutros puntos do país, variando progresivamente os seus deseños de decoración, pero seguindo fieis ó estilo tradicional de fabricación.

Mostra dun caderno anexo á axenda totalmente personalizado por Caramiña

E precisamente a súa elaboración presenta grandes dificultades. Todas as bonecas que haxa nun xogo de Matrioskas saen dunha única peza de madeira. Emprégase a estes fins normalmente madeira de tileiro, que é moi resistente e permite un tallado moi fino, e ó mesmo tempo é unha madeira moi branca na que resaltan as cores das pinturas empregadas. A elaboración tradicional das bonecas require moito traballo e paciencia, xa que a madeira, despois de ser talada, require un tempo de secado de 2 anos. A razón de que se empregue unha mesma peza de madeira, ademais da admiración que esperte este arduo cometido, é fundamentalmente técnica: as condicións de humidade, disposición das vetas da madeira, exposición a posibles torceduras no proceso de secado, etc. serán sempre as mesmas se traballamos cunha única peza, e así asegurámonos de que todas as bonecas collan unha dentro da outra de por vida.
Co paso do tempo e as esixencias dos compradores, os deseños pictóricos das matrioskas fóronse facendo cada vez máis complexos e na actualidade a dificultade do tallado parece que queda nun segundo plano con respecto ó ricas e detalladas que teñen que ser as pinturas que as decoran, nas que se empregan óleos, acualeras, témperas e vernices. Tamén aumentaron as esixencias en canto ó número de pezas dun xogo de bonecas. Se ben a dificultade do seu tallado fai que raras veces supere as 20 pezas, hai Matrioskas de coleccionista que poden ter entre 48 e 60 bonecas. Aínda así, a máis grande da que se ten noticia chegaba ás 75 e a maior delas tiña unha altura de 1,50 ms., ¡todo un récord!
As Matrioskas están tan sumamente implantadas na cultura rusa que mesmo xurdiu unha lenda sobre a súa orixe cun conto anónimo que narra o nacemento destas bonecas  e que serve de explicación para o sentimento de maternidade:
http://www.ciudadseva.com/textos/cuentos/otras/anon/occiden/matriosk.htm


lunes, 2 de enero de 2012

Os CDs non sempre son circulares

    En Caramiña fixemos un esforzo de imaxinación para deseñar unhas caixas de CDs diferentes. Se queres facer un agasallo totalmente persoal, e non sabes onde presentar eses discos de música gravados coas túas propias seleccións, esta podería ser unha boa opción.


    Os modelos son para 1, 2 ,3 e 4 CDs, pero se quixeres, poderíase encargar un modelo máis personalizado, con outro número de compartimentos ou mesmo con outra distribución. Algúns destes modelos teñen unha solapa a maiores para poder escribir os títulos das pistas que conteñen os CDs.


       Dispomos tamén doutro tipo de caixas de CDs, dun estilo máis clásico ou romántico, onde empregamos de novo flores prensadas para as portadas.


     Estes son só algúns exemplos do que ofrecemos. A imaxinación non ten límites. Ademais, estamos abertos a todas as suxestións que nos poidades facer.

viernes, 30 de diciembre de 2011

¿Quen inventou as axendas?



Este é un elegante modelo de axenda deseñado por Caramiña que pode servir 
de perfecto agasallo para alguén especial. Ten as cubertas en veludo vermello 
e cun relevo de flores. O peche é con cintas negras de raso. 

    A verdade é que non sei quen inventou a axenda como tal. A necesidade de ter  que anotar as tarefas e os labores pendentes supoño que existe dende que o home é home, ou polo menos, dende que tivo o suficiente número de frontes abertas simultaneamente como para que xurdisen posibles esquecementos e se fixese conveniente rexistralos para evitar despistes. O que de certo podo dicir das axendas é que a propia palabra vén do latín (outra vez as linguas mortas son unha inesgotable fonte de novos termos para cousas non tan novas, pero que carecían de nome). Máis exactamente, non é que a palabra fose xa empregada polos romanos, falantes de latín, nin moito menos, senón que foi unha palabra recuperada desta lingua e á que se lle deu un novo uso: o de designar un caderno onde se asentasen todas as tarefas e asuntos por facer.

Modelos de axendas grandes
    A palabra axenda (agenda en latín) provén do verbo agere, que quere dicir 'levar a cabo, facer'. Agenda é, propiamente, a forma neutra plural do adxectivo verbal do verbo agere, e literalmente significa 'as cousas que hai que facer'. Con esta definición estaredes de acordo en que a palabra resulta máis que acertada para designar o seu referente actual.


Modelos de axendas de peto
    A pesar do frecuentes que son no noso día a día as axendas, o que puidese inducir a pensar que este nome e ben antigo, o emprego do termo é relativamente recente. Introduciuse en Francia aló polo século XVII (hai rexistros do seu uso en 1640) e posteriormente chegou á nosa península no século XIX. 
    Non está mal saber o que dicimos ou por que o dicimos, ¿non si?

    Dende Caramiña, desexamos que vos gusten as nosas propostas.

martes, 13 de diciembre de 2011

Máis curiosidades sobre calendarios

     Neste modelo de calendario que vos amosamos pódense ver a cara A e a cara B do despregable, onde figuran tódolos meses do ano. Os cortes e os enganches foron feitos enteiramente a man un por un.


     Con respecto ó nome dos meses do ano, todos sabemos que proceden da época romana. Algúns deles foron designados tomando o nome dos deuses ós que se dedicaban, e outros foron nomeados simplemente por orde correlativa; así aconteceu con setembro, outubro, novembro e decembro, que eran, respectivamente, os meses 7º, 8º, 9º e 10º, como a propia raíz do seu nome indica. ¿Pero por que decembro era o décimo mes, se na actualidade é o número doce? Porque na época dos romanos o primeiro mes do ano era marzo (Martivs), nome tomado de Marte (Mars en latín), deus da guerra (¡como non, co guerreiros que eran estes romanos, lóxico que fose o primeiro mes do ano!). Abril estaba dedicado á deusa Apru (deusa etrusca da fertilidade que equivalía a  Afrodita para os gregos). Maio era en honor a Maia, deusa da primavera e Xuño por Juno, esposa de Júpiter. Xaneiro recibiu este nome polo deus Jano, que representa o espírito das portas, dos principios e finais, dos comezos e extincións, polo que na actualidade parece un nome moi axeitado para designar o primeiro mes do ano, aínda que en realidade foi un nome dado con posterioridade ós que xa empregaban de antigo os romanos. Febreiro vén de Frebua, palabra coa que se designaba o Festival de Purificación que celebraban os romanos o 15 de febreiro (XV kalendas martias -lembrade o que dixemos da forma de contar os días-), e que era basicamente unha lavatoria para comenzar o ano vindeiro e recibir a primavera. 
      ¿E xullo e agosto? Estes meses tiñan por nome orixinal o seu número correlativo: "quinto" (Quinctilis), para xullo, e "sexto" (Sextilis) para agosto. Pero na época de Xulio César, o nome de "quinto" cambiouse polo seu propio, de aí o actual Xullo, mes escollido porque era longo e en pleno verán e unha boa representación da súa propia divindade (recordemos que Xulio César foi o primeiro gobernador nomeado deus trala súa morte, e como deus que era, ben merecía un mes propio). Por iso cando faleceu César Augusto, que tamén foi divinizado no 14 d.C., decidiuse cambiar o nome de "sexto" polo seu, e así naceu Agosto, mes que era igual de longo có do seu predecesor.
      Como diría Obélix: ¡Están tolos estes romanos!

      Por último, achegámosvos outro modelo de calendario, esta vez de poñer enriba da mesa, xa que se abre coma un trípode: 


Esperamos que vos gusten.


 

Curiosidades sobre calendarios

    Aínda que moitos de vós xa o saberedes, non está de máis facer de cando en vez unha revisión histórica. A palabra "calendario" procede do latín Kalendas (ou calendas), que era o nome que se lle daba ó primeiro día de cada mes. Polo tanto, "calendario" sería como dicir o rexistro dos días primeiros dos meses do ano.
   De feito os romanos tiñan unha forma moi curiosa de contar os días, porque tiñan un nome específico para determinados días do mes, e tódolos demaís contábanse tendo en conta os días que faltaban para que chegase esoutro. Si, é algo lioso, pero cun exemplo entenderédelo axiña: se kalendas é o día 1 dun mes (poñamos por caso maio) e estamos a 29 de abril, dicíase que "faltaban 3 días para calendas de maio". Ademais, hai que ter en conta que na forma de contar dos romanos o día de partida tamén se computaba (ó contrario do que facemos na actualidade), por iso dirían que faltaban "3 días": o 29, o 30, e o 1. 
    A outra palabra que designaba un día en particular no calendario romano esa Idus. Os idus coincidían máis ou menos con mediados de mes, e digo máis ou menos porque en realidade identifica os días 13 dos meses curtos (febreiro, abril, xuño, setembro e novembro) e os días 15 dos meses longos (xaneiro, marzo, maio, xullo, agosto, outubro e decembro). O sistema de cómputo era o mesmo: unha vez pasadas as kalendas do mes que fose, comenzábanse a contar os días que faltaban para os idus dese mes; e pasados os idus, contábanse de novo os que faltaban para as kalendas do mes seguinte.  En definitiva, que non tiñan numerados os días un por un, senón por referencia a estes dous con nome propio.
    A expresión "Idus de marzo" fíxose célebre porque esa foi a data na que Xulio César foi asasinado no ano 44 a. C. (é dicir, o 15 de marzo), e logo esta data servíu de inspiración a moitas novelas históricas ("Os idus de marzo" de Thornton Wilder) ou a películas de ficción (filme do 2011 do mesmo título protagonizado e dirixido por George Clooney).

    E posto que estas datas son xa moi próximas a estrea do novo ano, en Caramiña propoñémosvos distintos modelos de calendarios, que poderían ser un bo detalle para agasallar.


     Novamento indicamos que estes modelos se poden personalizar totalmente, incluíndo o nome do destinatario, escollendo outra portada, outras cores, etc.

lunes, 12 de diciembre de 2011

E se cambiamos as típicas tarxetas de Nadal...

     En Caramiña queremos propoñer unha alternativa ás tradicionais tarxetas de felicitación, por iso ofrecemos distintos modelos de tarxetas feitas enteiramente a man e cun deseño diferente en cada unha delas. Empregamos  para decoralas cintas de organza e raso, flores prensadas e follas secas, combinándoas con diferentes cores de papel e cartolina. Nesta ocasión ofrecémosvos unha mostra de tarxetas cadradas, feitas con papel mi-teints dun 50% de algodón, especialmente indicado para escribir con pluma xa que é moi absorbente.


     Estes modelos son un simple exemplo pois as posibilidades de combinación son case infinitas. E poden servir tanto para felicitar estas datas como para festexar calquera outra ocasión especial (vodas, bautizos, comunións, aniversarios...).
      Esperamos que vos gusten.